domingo, 1 de maio de 2022

I FESTIVAL ARTÍSTICO SOLIDARIO ART FOR CHANGE

Este último sábado do mes de abril celebrouse na nosa vila o I Festival Artístico Solidario Art for Change, organizado polo IES Johan Carballeira. Este festival ten como obxectivo principal lograr cambios sociais a través da arte. Esta primeira edición tivo como tema central o coidado do medio ambiente, en especial do océano, polo que os fondos que se recadaron están destinados á asociación BDRI a través do apadriñamento dunha balea. Os asistentes votaron para elexir o nome de dita balea. O máis votado foi "Udra".

Ademais, conmovidos pola guerra en Ucranía, van colaborar con Pallasos sen fronteiras, unha ONG que apoia emocionalmente a poboación afectada por conflitos armados ou catástrofes naturais. 

Participaron neste festival centros educativos e asociacións culturais da contorna (Bueu, Cangas, Pontevedra,...). Ademais das actividades que se realizaron nos diferentes stands da carpa, instalada na Praza Massó, houbo outras actividades como concertos , exhibicións, obradoiros..., que se realizaron en diferentes lugares da nosa vila. O noso cole participou cun stand chamado "Os amigos de Papirus" no que se venderon produtos (pendentes, chaveiros, colgantes, xabóns, marcapáxinas...) relacionados co mar, que realizou todo o alumnado. Este stand estivo atendido e coordinado, sobre todo, polos axudantes de Papirus. Foi un éxito! Vendeuse todo! 








Ademais os trasniños e trasniñas interpretaron unha canción en lingua de signos xunto coa rapazada do IES Johan Carballeira. Fixérono xenial! Ollade e escoitade!

Fantástica interpretación! Noraboa por este gran traballo.
O mellor deste festival foi a unión de diferentes colectivos. Toda a vila de Bueu volcouse co proxecto. As tendas e os diferentes negocios da vila ambientaron os seus escaparates con temas mariñeiros. Ollade!



Ademais os restaurantes contaron con manteis elaborados polo alumnado do IES Johan Carballeira. Chulísimos!


Dende aquí queremos dar as grazas a toda a comunidade educativa que forma parte do IES Johan Carballeira por convidarnos a este Festival e sobre todo os nosos parabéns por este fantástico proxecto. Noraboa!!! Foi moi emocionante ver a toda a vila volcada nun proxecto educativo!  

Ningún comentario:

Publicar un comentario