Acaba de saír do forno a GUÍA DE LECTURAS para o verán!
Nesta ocasión, Papirus recoméndavos libros relacionados co tema do PDI deste curso : a alimentación.
Ollade!
martes, 19 de xuño de 2018
venres, 15 de xuño de 2018
NORABOA TRASNIÑOS!
Menuda sorpresa levamos hoxe cando collemos o xornal! Sabedes quen aparecía na portada? Si, si, en plena portada! Os Trasnos de infantil e as súas profes. Son noticia porque gañaron o 1º Premio do Concurso XOGA COAS MANCIÑAS da Asociación de Xordos, XOGA, pola interpretación do conto A princesa do Caurel en lingua de signos. Ollade o vídeo!
Espectacular, non si? Se queredes ler o artigo publicado no xornal, premede na seguinte imaxe.
Premede na imaxe dos Trasnos para ter máis información.
Noraboa Trasniños, sodes uns campións!!!
luns, 28 de maio de 2018
LEDICIA COSTAS VISITA O BIBLIOCASTELO
Hoxe visitou o Bibliocastelo Ledicia Costas para falarnos do seu libro Escarlatina a cociñeira defunta. . Os afortunados foron os rapaces e rapazas de 5º e 6º, xa que o estiveron lendo e traballando.
Ledicia contoulles que é unha SUPERLECTORA, que o que máis lle gusta do mundo é ler, por iso se fixo escritora, para poder vivir outras vidas. Faloulles do seu avó, un señor moi peculiar e tamén do seu libro Os arquivos secretos de Escarlatina, que narra curiosidades do mundo dos mortos.
Despois tocoulle a quenda ao alumnado, que lle fixo interesantes preguntas.
Os alumnos e alumnas de 5º regaláronlle un libro no que recompilaron as receitas de Román.
A Ledicia encantoulle o agasallo!
Para rematar, asinoulle a cada un o seu libro.
Moitas grazas Ledicia por esta xornada inesquecíbel!!
mércores, 16 de maio de 2018
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Hoxe, no patio do cole, fixemos unha gran festa para celebrar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS. Comezamos recitando por cursos o poema de Mª Victoria Moreno Un cachiño de bica, extraído do libro Eu conto ti cantas. Con estas estrofas realizamos un mural cooperativo, que decora a entrada do cole.
Despois os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º montaron con letras feitas con diferentes materiais, as dúas últimas estrofas do poema Galiza de Manuel María. Estas letras fixéronnas na casa coa axuda das súas familias. Quedou espectacular! Ollade!
Esta especie de alfombra xigante tamén decorará unha rúa da nosa vila o 3 de xuño, día no que se celebra o Corpus Christi de Bueu e toda a vila engalánase con fermosas alfombras florais. Deste xeito os alumnos e alumnas participan nesta bonita tradición.
Despois cantamos este fermoso poema de Manuel María.
O broche final desta celebración púxoo o alumnado de 6º que interpretou coa frauta o HIMNO GALEGO. Logo cantámolo todos xuntos.
Os cativos de 6º ano de infantil tamén recitaron un poema de María Victoria Moreno. Ollade!
venres, 11 de maio de 2018
CASTELAO DE CHUMBO A VERBA

O de hoxe non foi un venres calquera!
Comezamos a xornada baixando ao Centro Social do Mar para asistir á proxección
dun docu-film titulado: CASTELAO, DE
CHUMBO A VERBA. Este documental, obra do director Miguel López, narra, como se dunha película se tratase,
os vinte anos que o insigne intelectual galeguista viviu na vila de Pontevedra
(de 1916 a 1936).
A ficción comeza no IES Valle Inclán de
Pontevedra onde o alumnado de secundaria está a traballar sobre a relevancia
deste erudito galeguista, co gallo do centenario da súa chegada á vila.
O fío condutor da historia é o soño dun
neno que queda durmido apoiado no grupo de esculturas que preside a Praza de San
Xosé, mentres se pregunta como sería na realidade ese personaxe sobre o cal a
súa mestra lle mandou investigar. Nesta escultura, as figuras de Castelao,
Alexandre Bóveda, Manuel Quiroga, Valentín Paz Andrade, Ramón Cabanillas e
Carlos Casares, todos eles, artistas e intelectuais do S. XX vencellados á vila
do Lérez, simulan estar sentados no Café Moderno, onde protagonizaban
faladoiros de carácter político e cultural.
No
soño do rapaz, a escultura de Castelao cobra vida e proponlle que o acompañe
nun percorrido no espazo e no tempo pola Pontevedra de antes da Guerra Civil.
Nese paseo vaille ensinando prazas e
edificios emblemáticos da cidade ao tempo que lle presenta personaxes, tamén
especiais; que, por diferentes razóns, gardan unha relación directa con
Pontevedra. Tal é o caso de Don Ramón Mª del Valle Inclán, dramaturgo nado en
Vilanova de Arousa e o violinista Manuel Quiroga.
O
momento máis dramático da narración prodúcese co relato do fusilamento de
Alexandre Bóveda, galeguista pontevedrés que, igual que outros artistas e
intelectuais da época, foi asasinado por defender os seus ideais.
O
propio Castelao viuse obrigado a fuxir á Arxentina para non correr o mesmo
destino. Alí faleceu en 1950, tras 14 anos de exilio.
A banda sonora estivo interpretada por María do Ceo, que foi ademais quen compuxo o tema central do film.
Ao rematar a proxección, puidemos gozar coas imaxes do making-of e das explicacións do director de como se levou a cabo todo o proceso da rodaxe.
Por último, tivemos o privilexio de charlar co guionista e director deste fantástico filme,
MIGUEL LÓPEZ, quen, moi amablemente contestou as nosas preguntas.
É imprescindible dicir que puidemos
gozar desta fortuna, grazas á súa xenerosidade e á da profe María Rey, que
ademais, é a súa sobriña.
Podemos afirmar, sen medo a
equivocarnos, que foi unha experiencia tan enriquecedora como atractiva.
MOITÍSIMAS GRAZAS AOS DOUS!!! e NORABOA MIGUEL POR ESTE MARABILLOSO FILM!!!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)



























































