sábado, 28 de outubro de 2017

ANIVERSARIO DE PAPIRUS. 24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Esta semana estivemos de celebración. O pasado martes foi o Día das Bibliotecas Escolares e o aniversario de Papirus e celebrámolo cunha gran festa. Uns días antes, a nosa mascota enviounos unha tarxeta para convidarnos.





Como somos moitos, celebrámolo en dous días, o martes os nenos e nenas de infantil,  1º e 2º e o xoves, os de 3º, 4º, 5º e 6º.
Este ano Papirus estábanos agardando na súa casa, no Bibliocastelo. Contounos que está moi contento de estar de novo con todos nós. 
Entre todos e todas fixemos unha representación do conto de Kaladraka A sopa verde.









Despois cantamos e bailamos a canción de Papirus e desexámoslle feliz aniversario.



Logo viñeron os agasallos: bonitos debuxos, tarxetas, cartas... Papirus estaba encantado!!! Vai decorar a súa casa con todos eles.
Para rematar a festa, en vez de convidarnos a lambetadas como outros anos, convidounos a froita con chocolate, xa que este ano o tema do proxecto é a alimentación sa e saudable. Ollade o vídeo! 



Mamasiña...que rico estaba!!! Foi unha xornada estupenda! 

sábado, 7 de outubro de 2017

POR FIN !

Este vindeiro luns, por fin, abrirá as súas portas o Bibliocastelo. Este curso o tema do proxecto é a alimentación, por iso, a nosa biblioteca converteuse nun restaurante no que poderemos degustar marabillosos e saborosísimos libros. Hai para todos os gustos!



O expositor de novidades está ateigado.


Ademais temos outro expositor con libros relacionados co novo proxecto , baixo o lema :
"Unha enchente de libros"





Se queredes vivir grandes aventuras cos nosos amigos os libros, vinde ao Bibliocastelo! Hai unha morea deles agardando por vós!

  

domingo, 25 de xuño de 2017

FESTIVAL FIN DE CURSO

O pasado xoves, 22 de xuño, despedíronse  os alumnos e alumnas de sexto cun "FESTIVAL DE CINE". Foi o resumo de todo un ano de traballo, unha película do curso.



Fixeron un percorrido polos momentos importantes : magosto, Samaín, Nadal, Día da Paz, Entroido, Día de Rosalía...










Despois cantamos todos o himno galego, xa que este ano se conmemora o centenario da morte do autor da súa letra : Eduardo Pondal.


Remataron coa visualización dun vídeo no que se lembraba o seu paso polo centro dende que eran cativos ata agora. Pechouse o acto cunha emotiva entrega de orlas e agasallos.


Como non podía ser doutra maneira, imos despedilos cunha frase de película...


QUE A FORZA VOS ACOMPAÑE!!!



sábado, 24 de xuño de 2017

GUÍA DE LECTURA PARA O VERÁN

Xa está lista a guía de lecturas para o verán. Papirus quería recomendarvos libros relacionados co PDI deste curso : o cine. Pero, practicamente non hai bibliografía para nenos sobre este tema. Os libros que hai no mercado xa os estivemos traballando ao longo do curso. Por iso decidiu elaborar unha guía con libros dos tres autores aos que homenaxeamos este curso: Roald Dahl, polo centenario do seu nacemento (16 de setembro de 1916) ; Carlos Casares, autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas; e Agustín Fernández Paz, un escritor moi querido por todos nós, que faleceu o verán pasado. Esta guía é unha pequeniña homenaxe aos tres.
Tamén incluímos un libro dunha xove poetisa, veciña nosa, cun futuro moi prometedor, Miriam Ferradáns Ferradás. Xa recibiu numerosos premios polos seus poemas, un dos máis importantes o XXIX Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé. É para nós un gran orgullo!   

Guía Lectura 17

Esperamos que sexan do voso agrado.

venres, 23 de xuño de 2017

MOITAS GRAZAS!!

Hoxe despedimos o curso e tamén aos nosos alumnos e alumnas de 6º, que en setembro iniciarán unha nova andaina. Foron uns grandes axudantes de Papirus, traballaron arreo no funcionamento da biblioteca, por iso a nosa mascota quixo agradecérllelo, agasallándoos cun marcapáxinas personalizado, cun diploma e cunhas riquísimas galletas artesáns que levaban impresas a Papirus no seu papel de director de cine.



Fixémoslle entrega tamén das camisetas e diplomas que lles enviou a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos xunto coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Lingüística da Xunta de Galicia por participar no programa de BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS  no apartado de  "Voluntariado de lectura... A".

Moitas grazas, rapaces e rapazas!!












mércores, 21 de xuño de 2017

TEATRO NO CENTRO DE DÍA

Hoxe os nenos e nenas de 3º A compartiron cos avós e avoas, cos nosos maiores, o pracer pola lectura e os libros. Foron representar ao Centro de Día da vila, unha adaptación da obra de Carlos Casares "A galiña azul".   
Fixérono xenial e aplaudíronlles un montón! Ollade!







 








Despois da función repartiron bicos e apertas a mogollón!


En agradecemento agasallaron aos nenos e nenas cunha bolsa de chuches. Moitas grazas pola vosa acollida! Sempre é un pracer ir a visitarvos!