xoves, 30 de xuño de 2011

A PEDRA NON TE ESQUECERÁ

Onte o colexio A Pedra despediu a un gran profesional do ensino no restaurante A Centoleira de Bueu.


Á homenaxe non só asistimos os seus actuais compañeiros, senón que foi un punto de encontro para moitos mestres e mestras que nalgún momento da súa vida formaron parte do claustro do centro.


Leva na Pedra uns 32 anos, pero non é salientable a cantidade senón a calidade da súa presenza, tanto profesional como humana.


Son tantos os proxectos de traballo levados a cabo por este home que non nos atrevemos a nomear ningún deles.


Gran coñecedor da cultura da vila, experto inigualable en temas informáticos,,,


Deixa un gran baleiro no centro imposible de encher.

Tod@s te botaremos moito de menos. Ti xa sabes que imos precisar de ti.



Podedes seguir a nova no Faro de Vigo nunha entrevista na que nos fala da súa profesión.

ATA PRONTO, ARTURO!!!

domingo, 19 de xuño de 2011

I APADRIÑAMENTOS LECTORES NO CEIP A PEDRA

Seguindo coas lecturas compartidas, tocoulle o turno aos nen@s de 4º, 5º e 6º que leron os seus contos preferidos aos nen@s de 1º, 2º e 3 de Primaria. Por mor do tempo esta actividade tivo que realizarse na biblioteca e no patio cuberto pero aínda así resultou todo un éxito.
Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox

mércores, 1 de xuño de 2011

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte.

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propia Consellería a que nos invisibiliza?.

mércores, 25 de maio de 2011

UN CONTACONTOS MOI ESPECIAL

Hoxe tivemos a sorte de recibir no bibliocastelo a un grupo de rapaces e rapazas do IES Johan Carballeira de Bueu. Todos eles e elas son ex-alumnos do colexio que agora están en 1º e 2º da ESO e en 1º de Bacharelato.
Contáronnos varios contos moi divertidos:
"Once damas atrevidas" e " Tío Lobo" aos nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria.
"O libro da illa de Ons" e "O home que quedou na casa" aos de 3º de Primaria.
Ademáis destes dous últimos deleitáron aos de 4º, 5º e 6º cunha versión libre de Carapuchiña vermella .
Pasamos un ratiño moi agradable e esperamos velos por aquí outra vez o vindeiro curso. Sempre serán recibidos con moita ilusión e agarimo.

sábado, 21 de maio de 2011

I APADRIÑAMENTOS LECTORES NO CEIP A PEDRA

Este ano puxemos un marcha unha nova actividade de fomento da lectura: APADRIÑAMENTOS E AMADRIÑAMENTOS LECTORES.
Os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º fixeron un oco na súa apretada axenda para achegarse ao cole dos pequeniños de infantil cargados de contos e historias que eles mesmos escolleron con moito agarimo. Queredes ver como resultou o encontro? As imaxes falan por si soas! Da gusto ver a estes grandes lectores compartindo libros e ilustracións.

Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
This free photo slideshow personalized with Smilebox

martes, 17 de maio de 2011

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

E chegou o 17 de Maio, sinalado como o DÍA de LOIS PEREIRO. Xa todos o coñecemos un pouco porque levamos falando e traballando sobre el, unhas semanas nas clases. Aquí vos deixo un enlace onde atoparedes ademáis de moitisima información, actividades, videos, poemas con e sen música, presentacións de powerpoint, entrevistas ...
Case todas son aportacións xenerosas feitas por moitas bibliotecas escolares de Galicia.
Se premedes na imaxe accederedes directamente ao blog das LETRAS GALEGAS.

luns, 16 de maio de 2011

QUE LIBROS SALVARÍAS TI?


salvandogrande

Esta é só unha pequena escolma dos que representan a cada un dos centros que participaron na actividade.

  • Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Educación Infantil:












  • Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Educación Primaria.

  • Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Educación Pr














  • Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Ensino Secundario e algúns persoeiros relacionados co mundo das letras e a cultura



  • Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Ensino Secundario e algúns persoeiros relacionados co mundo das letras e a cultura





ESTA ACTIVIDADE FOI COORDINADA DESDE AS BIBLIOTECAS ESCOLARES:

xoves, 12 de maio de 2011

AS MIL COUSAS DE JACOBO FERNÁNDEZ

Hoxe pola mañá tivemos a sorte de ter na nosa biblioteca ao escritor e ilustrador Jacobo Fernández Serrano. Falounos dos seus libros: "A PEDRA E AS FORMIGAS" e " MIL COUSAS PODEN PASAR" que xa todos leramos e traballaramos na clase. Explicounos moitas cousas interesantes e nós fixémoslle moitas preguntas.
Contounos que cando era pequeno a súa casa estaba ateigada de libros porque os seus pais lian moito e iso fixo del un gran lector.
Falounos da súa inspiración que son a lectura "ler é escribir é moi divertido" e a observación "os escritores temos que estar atentos á vida" .
Amosounos os debuxos orixinais das ilustracións dos seus libros e explicounos que no caso de "A pedra e as formigas" foron feitos con acuarelas e co de "Mil cousas poden pasar" usou o ordenador.
Gústanlle as historias e os contos por iso o seu libro preferido é "AS MIL E UNHA NOITES" e como homenaxe a este libro o título do seu libro é "MIL cousas poden pasar".
Recomendounos ademáis os libros de Roald Dahl porque é un escritor que lle gusta moito, sobre todo: "Charlie e a fábrica de chocolate" e "Matilda".
Por último falounos do "seu fillo cativo" a 2ª parte de "Mil cousas poden pasar" que xa ten escrita (anda traballando nas ilustracións) e adiantounos algunhas das cousas que lle van acontecer aos personaxes. Aínda teremos que agardar ata outubro para poder disfrutar do final da historia.

MOITAS GRAZAS, JACOBO.

TEATRO TARABELOS

O mércores toda primaria asistiu no Centro Social do Mar de Bueu a unha representación teatral a cargo da Compañía de Teatro Tarabelos. Esta actividade enmárcase dentro das que se están a levar a cabo para conmemorar o Día das Letras Galegas, o próximo 17 de maio
O espectáculo comezou coa seguinte pregunta: A QUE CHEIRAN OS CONTOS?; Houbo respostas diversas: a café, a soños, a imaxinación, a nada...
Pero si que podemos cheiralos. Segundo o actor, os de piratas cheiran a mar, os de princesas a perfume, a flores, a fresa...
Xa dispostos, comezaba a función, pero para iso había que abrir a "maleta viaxeira", aquela que viaxaba polo mundo dos contos.
Un neno de 6º abriu a maleta pero nela non había nada. E cheiraba a algo? Pois... si!!! A cú!!!
A historia era ben coñecida. Un rei, dous tecedores estranxeiros e un traxe invisible. A que vos sona?

domingo, 8 de maio de 2011

II CORRELINGUA EN BUEU

O mércores 4 de maio asistimos ao II CORRELINGUA DO MORRAZO que se celebrou en Bueu, co lema "EN GALEGO SEMPRE SOMOS" . Este ano participaron un total de 15 centros da zona: Ceip de Quintela, EEI Verducedo, Ceip Tirán, Ceip do Hío, Ceip Espiñeira, Ceip A Laxe, Ceip de Domaio, IES María Soliño, Ceip Montemogos, EEI A Galiña Azul, Ceip A Pedra, Ceip de Seixo, Ceip O Carballal, Ceip Torre-Cela, IES de Rodeira. Éran un total de 1292 alumn@s.
Todos os nen@s e profes levabamos a nosa camiseta branca decorada para a ocasión co nome do centro e a palabra máis bonita elexida por cada quen.
O punto de encontro foi na Praza do Concello ás 10.00 da mañá e sobre as 10.30 comezou a marcha polas rúas amenizada pola musica galega. De maneira simultánea, os máis pequenos quedaron na propia Praza para asistir a uns OBRADOIROS:
  • Elaboración conxunta dun mural.
  • Obradoiro musical con aros.
Coma ponte para cambiar dun ao outro, tiñan que pasar por un circuito de Psicomotricidade.
Sobre as 11.30 tivemos un tempo para merendar e degustar grazas ao Grupo de Desenvolvemento Rural (DGR) Ulla-Umia-Lérez un saboroso vaso de leite fresco. Que bo estaba! Algúns repetiron e... varias veces !
A eso das 12.00 comenzou a actuación musical a cargo de Pablo Díaz e a banda TIC TAC.
E sobre as 13.00 cada centro puxo rumbo cara o seu cole despois de recibir un agasallo por parte da organización.

Moitos blogs do centro fixéronse eco desta celebración para ensalzar a nosa lingua, preme nos seguintes enlaces para ver como viviron esta xornada os nosos alumn@s.

mércores, 27 de abril de 2011

MURAIS ANA ALONSO

Estes son os preciosos murais nos que quedaron expostos os traballos de investigación e os debuxos feitos polos nenos e nenas do 1º ciclo sobre os libros "BLANCANIEVES EN LA CIUDAD" e "lOS DUENDES DEL OTOÑO"

DOMINÓ DE LIBROS

venres, 22 de abril de 2011

POEMA PARA O DÍA DO LIBRO

Este poema de Ana Mª Fernández adicado ao libro é realmente fantástico porque nos transporta a un mundo de contos e imaxinación. Non deixes de lelo.