Hoxe o alumnado de 1ºA agasállanos cunha adaptación dun fermoso conto de aceptación e superación, titulado Por catro esquiniñas de nadado autor Jéromê Ruillier. Espero que vos guste tanto como a min. Escoitade!
Xenial!! Que ben o facedes!! Moitísimas grazas por compartilo con nós!
Hoxe estou supercontento! Enviáronme máis podcasts! Nesta ocasión é a rapazada de 4º, que co gallo do Día do Libro, cóntannos cales eran os seus libros preferidos cando eran cativxs e cales son agora. Escoitade!
Moitísimas grazas por compartir os vosos libros favoritos con nós. Tomamos nota!
Hoxe estou moi contento por varios motivos. Un deles é porque é o Día do Libro, un dos días máis importantes do ano para min. Xa sabedes que me encanta ler e os libros son os meus mellores amigos, ademais de vós. O outro motivo é que me enviastes máis podcast. Sei que estivestes fedellando toda a semana no recanto da radio do Bibliocastelo. Estívenvos observando e vin o ben que traballastes. Enchestes de ledicia e balbordo o meu fogar! Había tempo que non sentía tan vivo o Bibliocastelo!
Nesta ocasión foi o alumnado de terceiro o que estivo gravando podcast con recomendacións de libros. Anímovos a que as escoitedes, hai suxestións moi interesantes!
Tomarei nota e direille as miñas axudantes que merquen eses libros que nos recomendades. Encántame! Que ben ledes os poemas!
Xenial! Que ben falades e que ben vos expresades! Seguide traballando así! Estou moi orgulloso de vós!
Hoxe vouvos contar unha boa nova. Grazas ao programa Radio na Biblio de Bibliotecas Escolares de Galicia, do que formamos parte, tivemos no cole unha xornada de formación para aprender a manexar este medio de comunicación tan fascinante, a radio. O alumnado de quinto foi o afortunado de recibila. Foi impartida por Luis Losada, membro de Rede Espora. Déixovos o enlace a presentación que fixo. É moi interesante, xa que ofrece moitos recursos que vos poden axudar no manexo deste medio.
Despois da formación, veu o máis divertido. A rapazada foi a emisora a pór en práctica os coñecementos adquiridos. Gravaron os seus primeiros podcast. O resultado foi incríbel. Escoitade con atención!
Xenial! Un traballo fantástico! Xa sodes profesionais!
Vouvos amosar algunhas fotos desta interesante xornada.
E por último un pequeno vídeo...
Espero que vos gusten os podcast tan chulos que fixo a rapazada de quinto. Animádevos vós tamén. Agardo impaciente os vosos podcast!
Hoxe é o Día Internacional da Nai Terra. Xa sei que estades moi ben informados e concienciados sobre os problemas que están a afectar ao noso planeta: cambio climático, a contaminación dos océanos, a perda da biodiversidade...Por iso é moi importante que levemos a cabo accións encamiñadas a restaurar a Terra. Co gallo deste día, sei que fixestes unha morea de actividades:
- O alumnado de 3º fixo un proxecto sobre as plantas, que tiña como principal obxectivo coñecer a importancia que teñen os vexetais no noso planeta. Saíron pola contorna na procura de plantas, para estudalas e logo facer un mural. Despois plantaron leitugas e mirasois, aproveitando o compost que se fai no cole coas sobras das merendas e do comedor. Mesturaron compost e terra para facer a sementeira e logo trasplantaron a un testo para que cada nenx a leve a súa casa. Para esta tarefa contaron coa axuda e o asesoramento de Ramón, o conserxe. Ollade o seguinte vídeo!
- A rapazada de 1º e 5º tamén sementou. Ollade o seguinte vídeo para ver como o fixeron!
Lembrade que o futuro e a boa saúde do noso planeta depende de nós. Temos que coidalo!
Hoxe teño que contarvos unha noticia moi interesante. Ao longo deste mes imos desfrutar dunha maleta literaria moi especial Contos para un planeta, que nos cedeu en empréstito o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia).
Esta maleta é unha colección de contos para achegarse á natureza a través da literatura. Trátase dunha selección de libros motivadores para a educación ambiental e tamén para a animación á lectura, para imaxinar, divertirse e emocionarse coas súas personaxes e historias. Con esta maleta coñeceremos criaturas e seres increibles, que son imprescindibles para a vida na Terra e descubriremos mundos máxicos, que están máis preto do que imaxinamos. Aprenderemos a relacionarnos co mundo que nos rodea., porque a lectura pode ser unha ferramenta marabillosa para conectar coa natureza e concienciarnos da necesidade de realizar accións na procura dun mundo mellor.
Xa sabedes que estamos moi comprometidos co noso planeta e que o tema do proxecto deste curso son os ODS. Pois estes libros van a axudarnos a reflexionar e tomar decisións axeitadas que nos axuden a acadalos.
Esta maleta vai viaxar ao longo de todo o mes por todas as aulas do cole, dende infantil ata 4º de primaria para que poidades gozar das súas lecturas e reflexionar sobre a información tan importante que nos achegan. Se queredes ver un resumo dos libros que forman parte da mesma, premede na seguinte imaxe!
Espero e desexo que vos gusten moito os libros e que lles saquedes proveito.
Hoxe as miñas e os meus axudantes: Leire, Paula, Noa, Aitor e Xián representaron no Bibliocastelo o conto de Barrio Sésamo ¡Es un secreto! Fixérono xenial, ollade!
Hoxe é o Día Meteorolóxico Mundial. O motivo principal para celebrar esta data é crear conciencia entre as persoas e os distintos gobernos do mundo, do papel que ten o coidado e preservación do clima e do medio ambiente para a preservación da vida na Terra. Por outra banda, búscase atopar unha solución ao cambio climático ocorrido nos últimos anos, para deste xeito reducir os riscos dun desastre a nivel global, que poña en perigo á especie humana.
Para conmemoralo fixestes unha morea de actividades. Vouvos amosar algunhas delas que me enviaron os vosos mestres e mestras. A rapazada de terceiro realizou proxectos de investigación sobre meteoroloxía. Estiveron traballando e investigando ao longo de varias semanas. Logo fixeron un libro con todos os traballos e expuxéronos ao resto do alumnado. Ollade!
O broche de ouro deste proxecto foi a realización dun vídeo co formato do programa DÍGOCHO EU. Nel recolleron palabras que se empregan en Bueu e na zona do Morrazo para referirse ao tempo. Está xenial! Ollade!
Noraboa! Un traballo fantástico! Encántame!
O alumnado de segundo recolleu refráns e adiviñas relacionadas coa meteoroloxía. Logo confeccionaron un mural e foron lelos á radio. Escoitade!
Moi ben, gústame moito! Que ben o facedes!
Tamén a rapazada de quinto fixo un traballo de recompilación de refráns relacionados co tempo. Despois montaron con todos eles un vídeo. Ollade!
Xenial!
Ademais de todos estes traballiños, sei que o tema da meteoroloxía o estades traballando ao longo de todo o curso, xa que formamos parte do programa METEOESCOLAS. Vouvos ensinar algunhas fotos.
Todas as actividades que se realizan para este Programa Meteoescolas recóllense no blog O TEMPO MADE IN BUEU. Premede na seguinte imaxe para acceder a el!
Hoxe celébrase o Día Internacional dos Bosques para concienciarnos sobre a súa importancia. Os bosques son fundamentais, xa que a sua perda xenera unha gran cantidade de gases que provocan o quecemento global e a perda de biodiversidade. Pero pese aos beneficios ecolóxicos, sociais e económicos que nos dan os bosques, a deforestación continúa a un ritmo sen precedentes. Por iso o lema para este ano é:
" Restauración forestal: un camiño á recuperación e o benestar"
A restauración e a xestión sostíbel dos bosques axudan a afrontar esta dobre crise: a do clima e a da biodiversidade. Ademais estas actividades xeran bens e servizos necesarios para o Desenvolvemento Sostíbel. O Decenio da ONU sobre a Restauración dos Ecosistemas (2021-2030) é un chamamento global á protección e recuperación dos ecosistemas. Busca poñer fin a súa degradación e restauralos, para cumprir o obxectivo 15. Ollade o seguinte vídeo!
Sabiades que pasar tempo rodeados de árboes potencia o noso sistema inmunolóxico, reduce a presión arterial e facilita a relaxación? Se queredes saber como os bosques melloran o noso benestar físico e mental, premede na seguinte imaxe!
Xa sabedes, axudade a restaurar os bosques! Plantade árbores!
Hoxe estou moi contento, por dous motivos: porque é o Día de Rosalía e porque...
POR FIN SE ESTREOU A MIÑA EMISORA A VOZ DA PEDRA !
Queriamos que fose un día moi sinalado e importante, por iso escollemos esta data para a posta en marcha da nosa radio. As encargadas de inaugurala foron as miñas axudantes: Naiara, Carla, Xiana, Iria e Judith.
E que mellor maneira para facelo que recitando uns fermosos poemas da nosa ilustre escritora homenaxeada este día, Rosalía de Castro. Escoitade!
Como xa sabedes, hoxe celébrase o Día da nosa gran escritora, Rosalía de Castro. Xa me enterei de que fixestes unha morea de actividades, que estivestes buscando información nos libros e nos ordenadores do Bibliocastelo. Para comprobar o que aprendestes podedes facer o seguinte Kahoot. Estades listxs? Pois...premede na seguinte imaxe!
Ademais escoitastes poemas musicados e ata fixestes recitado de poemas. E tamén cantastes! Os Furabolos da Pedra (5º de Educación Infantil) cantaron O moucho. Fixérono xenial. Ollade!
Os Laretas tamén cantaron, nesta ocasión foi o poema que Curros lle dedicou a Rosalía titulado A Rosalía. Premede na seguinte imaxe para ver o ben que o fixeron!
Gustoume moito a actividade proposta pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores Galegos), que consistiu en realizar unha rosa, logo decorala cuns versos de Rosalía e agasallar con ela a un amigo ou a unha persoa querida. Contáronme que tamén deixastes algunhas destas rosas por diferentes lugares da vila para que calquera persoa puidera gozar delas. Ollade no seguinte vídeo os lugares a onde foron parar algunhas das rosas.
Quedaron moi fermosas! Ollade no seguinte vídeo como foi todo o proceso.
Tamén quedou moi chulo o mural que realizastes cos retratos de Rosalía, simulando a técnica do POP ART de andy Wahrol.
Noraboa por todas as fantásticas actividades que fixestes. Estou moi orgulloso de vós! Traballades xenial!