Na terceira reunión do Club de Lectura deste curso xuntámonos os nenos e nenas de 6ºA e 6ºB para compartir unha nova aventura literaria: Una loba para un hechizo, de Karah Sutton.
Esta vez mergullámonos nunha historia cun inconfundible aire de conto de fadas clásico, cunha ambientación rusa chea de maxia, misterio e personaxes fascinantes. Un libro que nos permitiu viaxar a un mundo de bruxas, lobos e encantamentos, pero tamén reflexionar sobre cuestións moi próximas a nós.
Ao longo da conversa falamos do medo, dos prexuízos e da importancia do traballo en equipo. Descubrimos que, ás veces, as aparencias enganan, que os medos poden impedirnos avanzar e que colaborar cos demais é fundamental para superar dificultades e acadar os nosos obxectivos.
Un dos aspectos que máis nos custou foi seguir a estrutura narrativa da historia. O libro conta con tres narradoras que se van alternando nos capítulos: Zima, a loba; Baba Yaga, a bruxa, e Nadya, a nena. Cambiar continuamente de voz narrativa resultou todo un reto para os nosos lectores e lectoras de entre 10 e 12 anos, que tiveron que estar moi atentos para non perder o fío da historia.
E, se falamos de personaxes favoritos, os lobos conquistaron claramente o noso corazón! En especial, Zima e Veter, o lobo solitario, que espertaron moita simpatía entre os participantes.
Foi unha reunión chea de reflexións, opinións e intercambio de ideas. Porque ler tamén é iso: poñerse na pel doutras personaxes, cuestionar o que pensamos, descubrir novos mundos e aprender xuntos.
Seguimos lendo, compartindo e medrando entre libros! 🐺✨

Ningún comentario:
Publicar un comentario