sábado, 31 de outubro de 2015

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES. ANIVERSARIO DE PAPIRUS

O pasado sábado, 24 de outubro, foi o Día Internacional das Bibliotecas Escolares e tamén, o aniversario de Papirus, a nosa mascota. 
Pero como coincidiu en fin de semana, tivemos que esperar ao luns para poder celebralo. Ese día festexárono os nenos e nenas de Infantil, 1º e 2º  de Primaria. Os de 3º, 4º, 5º e 6º agardaron a súa quenda ata o martes.
Como xa sucedera nalgunha ocasión, Papirus non puido recibirnos, pois estaba de viaxe, nada máis nin nada menos que no espazo!
Para que non o botásemos en falla, enviounos un video explicándonos o motivo da súa ausencia. Ollade!!!
 
 Quedamos abraiados!
 
Queríanos convidar a viaxar polo Universo, mais, como non ten naves para todos, animounos a facelo a través dos nosos amigos, os libros.  Para iso, deixounos no seu Bibliocastelo, unha chea de libros relacionados coas marabillas do espazo, todos moi ben axeitadiños nos andeis de novidades debaixo dun letreiro que di:

Este é o cartel co título do proxecto deste ano. Imos traballar o fascinante mundo do UNIVERSO!! 
 
 
Para completar a celebración, a profe Lina fixo unha adaptación dun fermoso conto titulado Papá, por favor achégame a Lúa. 

 A protagonista é unha nena que lle ten medo a escuridade.
  Ao final consigue vencer ese medo grazas a súa amiga, a Lúa  
 
 Despois viñeron os agasallos. Os nenos e nenas de infantil regaláronlle unhas fermosas estrelas que xa brillan no ceo do Bibliocastelo. Os de primeiro, debuxos e dedicatorias ; os de segundo uns foguetes moi orixinais ; os de 3º, 4º e  5º un xigantesco móbil que representa o sistema solar e os de 6º unhas constelacións que tamén decoran o noso ceo particular. Ademais os de 5º escribíronlle unhas cartas moi sentidas  respondéndolle  a  que  nos enviou fai uns días.
 


 

 
Por último, e como broche de despedida, cantamos a canción de Papirus. Tamén lle desexamos feliz aniversario en varios idiomas : galego, castelán, inglés e francés.


  
 Ao final agardábanos unha sorpresa. Como en todos os aniversarios, neste tamén houbo lambetadas. Papirus enviounos uns divertidos caramelos en forma de foguete. Eran un pouco pequerrechos, pero estaban boísimos!
En resumo, foi unha xornada marabillosa, aínda que botamos en falla ao anfitrión. Estamos desexando que volva axiña.






 
Parabéns Papirus! Esperamos verte pronto no teu recuncho do Bibliocastelo!
 






Ningún comentario:

Publicar un comentario