luns, 3 de febreiro de 2020

DÍA DA PAZ


O mural da entrada do colexio aparece de novo esta semana renovado. Agora semella unha enorme radio con dous impresionantes altofalantes nos laterais das que saen notas musicais. 
De cada corchea sae unha estrofa dunha canción que trata temas relacionados coa PAZ. Cada aula do centro, dende os máis pequenos de E. Infantil ata os maiores de 6º de E. Primaria, elixiron un tema, que puxeron no círculo da súa nota musical. Aínda que algunhas están en castelán, francés  ou en inglés, facendo honra de cole plurilingüe, no mural todas as letras están traducidas ao galego.

·         4º A de E. Infantil: “Eu teño alguén” de María fumasa.
·         4º B de E. Infantil: “Arco da vella” de Doutor Apertas.
·         5º A de E. Infantil: “Todos somos capitáns” de Magín Blanco.
·         5º B de E. Infantil: “Baile da Paz” de Mamá Cabra.
·         6º A de E. Infantil: “De festa” de Uxía Lambona.
·         6º B de E. Infantil: “Día da Paz” de Pablo Díaz.
·         1º A de E. Primaria: “Bajo el mismo Sol” de Álvaro Soler.
·         1º B de E. Primaria: “Una receta de Paz” de Unai Quirós.
·         2º A de E. Primaria: “Que canten los niños” de Jose Luís Perales.
·         2º B de E. Primaria: ”Un mensaje al mundo” de Jorge Otamendi.
·         3º A de E. Primaria: “Friends will be friends” de Queen.
·         3º B de E. Primaria: “Que bonito es querer” de Manuel Carrasco.
·         4º A de E. Primaria: “Se buscan valientes” de Langui.
·         4º B de E. Primaria: “Paz y amor” de Gisela
·         5º A de E. Primaria: “No dudaría” de Antonio Flores.
·         5º B de E. Primaria: “De que che vale” de Jesús Pareja.
·         6º A de E. Primaria: “On écris sur le murs” de Kids United.
·         6º B de E. Primaria: “Imagine” de John Lennon.




      En todas as aulas preparouse a canción Cantarela para os nenos.  Trátase dunha fermosa poesía de Neira Vilas, versionada por moitos cantaautores galegos.  Nesta ocasión o alumnado interpretou a versión do grupo galego “Na Virada”. Para facela máis animada foi ensaiada cunha coreografía común co fin de cantala e bailala todos xuntos o día da Paz.>Nos días previos, en todas as aulas se elaboraron pombas da Paz.
    O día da Paz presentouse, como non, chuvioso, polo que o alumnado de E. Infantil non puido subir ao centro de Primaria e celebrárono no seu cole. Preme na seguinte imaxe!



     O alumnado de E. Primaria reuniuse no ximnasio levando nas súas mans as Pombas da Paz. Alí cada aula, agrupada en círculos, recitou o cantou a estrofa da canción que puxeron no mural.















Procedeuse logo a entrega dos premios do concurso de Selos. O gañador foi Cristian Abal Juncal de 5ºA. 


 Recibiu un prego con selos de curso legal que representan un bote polbeiro deseñado por el. Tamén recibiron unha mención especial os tres mellores selos de cada clase.















Noraboa!






venres, 31 de xaneiro de 2020

DÍA DA PAZ

Hoxe a rapazada de 6º de Primaria foron realizar unha actividade ao IES Johan Carballeira para celebrar de forma conxunta o Día da Paz.
O primeiro que fixeron foi acudir a biblioteca, onde lles fixeron unha pequena presentación do centro e das súas instalacións a través dun vídeo creado coa colaboración de alumnos e profesores. Na mesma biblioteca, tiveron un tempo de "exploración" deste lugar tan máxico. Contemplaron as diferentes seccións, xogos e posibilidades.







Tamén participaron nunha actividade de conmemoración festexada, que consistía en decorar unha pomba poñendo enriba delaq unha palabra relacionada coa paz. Todas elas formaron parte dunha pomba xigante construída entre todos e todas.





Por último, formaron parte da palabra paz cos seus corpos; despois de percorrer as instalacións do que será o seu lugar de estudos o vindeiro curso. Foi unha bonita experiencia!  



xoves, 9 de xaneiro de 2020

MALETAS ESPECIAIS

Durante un mes o noso alumnado puido gozar dos marabillosos tesouros que agochaban dúas maletas viaxeiras moi especiais: a maleta para a igualdade e a maleta de inclusión educativa.
Están cheas de libros relacionados coa igualdade de xénero, a sensibilización e prevención da violencia de xénero e o tratamento da diversidade e a inclusión.
Primeiro estiveron no cole de infantil e logo viaxaron ata o cole de primaria, traéndonos fermosas historias que na Hora de Ler compartimos, lemos, comentamos e gozamos. Ollade!







O proxecto "Maletas Viaxeiras" é unha das medidas recollidas no Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, elaborado pola Secretaría Xeral da Igualdade e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e que recolle a medida concreta de configurar e xestionar maletas viaxeiras para ensinanza obrigatoria sobre igualdade de xénero, violencia de xénero, educación afectiva e sexual, diversidade e inclusión.

luns, 23 de decembro de 2019

BO NADAL!

 
Con esta postal colaborativa queremos desexar a toda a comunidade educativa FELICES FESTAS. Foi feita a partir dun mural realizado por todo o alumnado do centro e que agora preside a entrada do cole. Está encabezada polo lema gañador:

"SINTONIZA O TEU CORAZÓN! QUE CADA LATEXO SEXA MÚSICA, PAZ E AMOR"


          

xoves, 19 de decembro de 2019

ROSALÍA DE CASTRO XA TEN UNHA ESTRELA

Hoxe na HORA DE LER, estivemos lendo unha noticia que nos encheu de ledicia. Unha das nosas máis ilustres escritoras, Rosalía de Castro, xa ten unha estrela.


martes, 26 de novembro de 2019

DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA

Conmemorouse o día saíndo por equipos á procura dos carteis que estaban colocados polo corredor. Cando os atopaban, copiábanos nos seus cadernos e posteriormente reflexionaron sobre as mensaxes dos mesmos. Logo fíxose unha posta en común. Os carteis son os mesmos que están colocados nos escaparates de diversos comercios da vila.











Traballouse asemade a canción de Rozalen "La puerta violeta". Escoitárona á vez que tiñan que rechear os ocos con palabras clave do tema. Volveuse facer unha posta en común coa mensaxe da canción. Para rematar fíxose unha lectura cooperativa dun texto que explicaba porque o 25 de novembro se celebra a xornada internacional en contra da violencia de xénero.
Ademais o alumnado de quinto e sexto acudiu a unha concentración que tivo lugar ás doce do mediodía na praza que está diante do concello. Leuse un manifesto, para poder lelo, preme na seguinte imaxe.



luns, 25 de novembro de 2019

GUÍAS DE LECTURA E MÚSICA 2019

O pasado venres todo o alumnado do noso cole levou nas súas mochilas un exemplar das guías de lectura e música en galego. Son as recomendacións feitas con moito agarimo pola Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo.
O lema deste ano é: Atrévete a abrilo!


Ante todo queremos darlles as grazas a Ana Valuja do CEIP de Seixo pola enmaquetación e a Esteban Tarabelos polas magníficas ilustracións. Tamén agradecer á excelentísima Deputación de Pontevedra, que imprimiu as guías de xeito gratuito. Non nos podemos esquecer de todos os mestres e mestras dos colexios e institutos do Morrazo que tiveron a ben buscar e elexir todos os libros e CDs. Moitas grazas a todos e todas!
Premede nas seguintes imaxes para poder velas!




Esperamos que vos gusten e que vos sexan de utilidade.


                       


venres, 8 de novembro de 2019

POR FIN CHEGOU O DÍA!

Por fin, hoxe no Centro Social do Mar ás 20:30 é a estrea do programa Anacos de vida que gravaron hai un mes no noso cole e na nosa vila. Bueu, a través das súas xentes, é a protagonista deste programa da TVG.



O equipo de gravación veu ao noso cole para que a rapazada, a través de fotos antigas, lles contasen as apaixonantes historias que se agochan tras elas. Tamén gravaron en lugares emblemáticos da localidade: Museo Massó, Ermelo, Pescadoira, Praia de Beluso... E entrevistaron a  persoeiros vencellados á historia da nosa vila.











Estamos desexando velo! Ollade o seguinte vídeo, é un adianto do que se vai ver no programa!



Xa sabedes, temos unha cita hoxe no Centro social do Mar ás 20:30. Se hoxe non podedes ir , podedes velo mañá ás 19:30 na TVG.