mércores, 27 de xuño de 2012

E AÍNDA HOUBO MÁIS APADRIÑAMENTOS LECTORES

Antes de darlle o remate ao curso todos os niveis fixeron os seus apadriñamentos e amadriñamentos lectores. É unha actividade ben divertida porque ademais de gozar dos libros nos permite facer novas amizades ou cultivar as que xa temos. 


Aquí vos deixo os enlaces aos distintos blogs de ciclo para que os poidades ver:

xoves, 21 de xuño de 2012

UN AVÓ ESPECIAL

Esta mañá todo o alumnado e profes de primaria recibimos no Centro Social do Mar ao grupo Migallas que nos contou a historia de Rosiña e a do seu avó, Manuel.  


Unha relación moi especial que empeza no berce cando o avó coida dela. A medida que a nena vai medrando ensínalle moitos ditos populares, cancións, xogos e tamén lle axuda cos deberes.






Entre eles hai risas e enfados ata que un día o avó comeza a esquecer as cousas e o carácter empézalle a cambiar. Todo isto contado en clave de humor tratando de fomentar actitudes positivas á hora de afrontar a enfermidade do Alzheimer.


Gustounos moitísimo esta historia por iso queríamos felicitar dende aquí a María Campos e a Carlos Yus pola marabillosa posta en escena. Sodes fantásticos, uns profesionais incribles! 

mércores, 20 de xuño de 2012

I CAMPAÑA DE LECTURA PARA O VERÁN

LER non é exclusivo dunha determinada época do ano. Calquera momento e lugar é apropiado para gozar dun bo libro: na praia, na montaña, no campo, no xardín, na casa dos avós, nunha tumbona, nunha hamaca, nunha toalla, no chan, debaixo dunha árbore, enriba da area ou da herba, con música ou en silencio...

 


Dende o Bibliocastelo A Pedra queremos informarvos dunha nova iniciativa que imos por en marcha este mes de xuño. “ LER EN VACACIÓNS” porque un libro sempre pode ser o noso mellor amigo/a.

A partires do luns 25 e ata o venres 29 estará aberta a biblioteca de 10.00 a 11.00 da mañá para que os rapaces e rapazas que queiran poidan acercarse e escoller de entre os nosos fondos, un lote de como máximo 10 libros que poderan ler durante os meses de xullo e agosto.

Para poder levar en empréstito este lote de libros é imprescindible que veñades acompañados dun adulto.

E non esquezades que como aos grandes amigos hai que coidalos como o mellor dos tesouros para devolvelos en bo estado porque a biblioteca é de todos/as e para todos/as.

As datas para que poidades devolver estes libros serán durante a primeira semana de setembro dende o luns 3 ao venres 7 no mesmo horario de 10.00 a 11.00.




mércores, 13 de xuño de 2012

GUÍA DE LECTURAS VERÁN 2012

Aquí tendes, acabada de saír do forno, a nosa guía de lecturas para o verán, con novidades e suxestións para todas as idades. Esperamos que vos guste e que entre este libros atopedes algún que sexa especial para vós.



MÁIS APADRIÑAMENTOS LECTORES

Nesta ocasión foron os rapaces e rapazas de 1º B os que se acercaron ao cole de infantil para levar os seus libros preferidos aos nenos e nenas de 3 anos B. Que ben o pasaron. Da gusto velos!


PREME NA IMAXE

venres, 8 de xuño de 2012

QUE SABES DE VALENTÍN PAZ ANDRADE?

Aquí vai outra pregunta. e con esta van xa sete. Moita sorte a todos e todas!



Os gañadores e gañadoras que respostaron correctamente á pregunta cinco foron:

SERGIO MACÍAS PAZOS  2ºA
SIMÓN MARTÍNEZ MOSTEIRO  4ºA
MANUEL OTERO HERBELLO  3ºB
MARÍA VILAS OTERO  1ºB

xoves, 7 de xuño de 2012

PRIMEIROS APADRIÑAMENTOS LECTORES

Co bo tempo os libros tamén saen a rúa. Por iso os nenos e nenas de 1º A quixeron ser padriños e madriñas dos máis pequeniños do cole, os rapaciños e rapaciñas de 3 anos A. 
E que mellor lugar que o cole de infantil onde pasaron os tres últimos anos. 
QUE RECORDOS! e QUE SORRISOS! 


PREMEDE NA IMAXE

mércores, 30 de maio de 2012

QUE SABES DE VALENTÍN PAZ ANDRADE?

Xa tendes a vosa disposición a 5ª pregunta do concurso. Non tardedes en respostar e seguide atentos que haberá máis moi pronto.


Noraboa aos gañadores e gañadoras da cuarta pregunta:

Martín Barcia Otero 2º A
Salvador Castro Freire 3º A
Raquel Iglesias Vilas 6º A

venres, 25 de maio de 2012

FINA CASALDERREY CO 1º CICLO

O xoves 24 tivemos, por terceira vez neste curso, a Fina Casalderrey no Bibliocastelo, esta vez viña para falar cos nenos do 1º ciclo. 


Todos e todas a esperaban con impaciencia porque leran o seu libro QUEN ME QUERE ADOPTAR? Gustoulles moitísimo e querían coñecela e facerlle moitas preguntas.


Contounos como se lle ocurriu a idea do libro a partires dunha historia que escoitou na tele e lle chamou a atención: un señor italiano que tiña moitos cartos puxo un anuncio dicindo que buscaba unha familia con rapaces ou rapazas porque onde hai nenos e nenas hai maxia e ledicia.


QUEN ME QUERE ADOPTAR? foi escollido como un dos mellores libros do mundo na Feira do Libro que se celebra todos os anos en Alemaña.

Os nen@s de 1º amosáronlle a preciosa adaptación. con forma de acordeón, que fixeron a partires da lectura do seu libro. 



E os nen@s de 2º os seus estupendos debuxos e o libro que fixeron dos seus propios avós.



Leunos o conto A AVOA NON QUERE COMER para explicarnos o gran valor que teñen as palabras.


Amosounos un PAN DE CHUVIA que trouxo de Caracas e entre todos inventamos unha historia.


Contounos que cando era pequena e tiña tose, curábaa con contos, o seu pai sentábase na cama ao seu carón e contáballe unha historia, a tose pasába e durmía tranquilamente. As veces os contos serven para curar as dores físicas e para quitar o medo.
Para rematar asinou os libros de todos os rapaces e rapazas e dedicounos os exemplares da biblioteca.


MOITAS GRAZAS FINA e VOLVE PRONTO AO BIBLIOCASTELO

martes, 22 de maio de 2012

QUE SABES DE VALENTÍN PAZ ANDRADE?

Xa temos no taboleiro da entrada a cuarta pregunta do noso concurso das Letras Galegas. Non esquezas deixar a túa resposta!


Os gañadores e gañadoras da 3ª pregunta son:

DAVID FERNÁNDEZ ENTENZA de 1ºA
JONATHAN LORENZO ENTENZA de 3º A
IVÁN ENTENZA SALOMÓN de 4º A

BOA SORTE A TODOS E TODAS!!!

luns, 21 de maio de 2012

FINA CASALDERREY NO BIBLIOCASTELO

Como nos gusta Fina, por iso este curso estivemos traballando con  varios dos seus libros. A ver se os coñecedes: Quen me quere adoptar, O misterio dos fillos de Lúa,  A lagoa das nenas mudas, Dúas bágoas por máquina e Un misterio na mochila de Alba.


Se aínda che queda algún por ler, pregunta na biblioteca, non quedes coas ganas.

O pasado venres 20 de abril estivo cos nenos e nenas de 3º de educación primaria e esta semana pasada, o martes 15 de maio, estivo cos rapaces de 4º, 5º e  6º. Falounos da súa vida e contounos moitas historias divertidas. Díxonos que para escribir unha historia, o primeiro de todo, tenche que gustar escribir, pero o imprescindible é ter sensibilidade, porse na pel da outra persoa.


Os rapaces e rapazas fixéronlle moitas preguntas e ela respondeunas todas cun sorriso. Así nos enteramos de que cando era pequena tiña unha gata que se chamaba Lúa, que foi a súa inspiración para  o libro "O MISTERIO DOS FILLOS DE LÚA"


Tamén soubemos que o libro " UN MISTERIO NA MOCHILA DE ALBA" escribiuno hai moitos anos e que agora lle fixo unhas reformas á historia e llo dedicou a todos os mestres e mestras.


Para rematar, con moita paciencia asinou os nosos libros cunha dedicatoria especial para cada un e aínda tivo tempo de escribir no noso libro de visitas.




MOITAS GRAZAS FINA! Esperamos verte outra vez a semana que ven. Entón será o turno dos nenos e nenas do 1º ciclo. QUE SORTE VAN TER!



venres, 18 de maio de 2012

GARAVANCIÑO

O martes 15 de maio os máis pequeniños do cole tiveron a sorte de escoitar o conto de GARAVANCIÑO da man de Olalla González e Marc Taeger. Se queredes ver o ben que o pasaron e o atentos que estaban premede na cuberta do libro.

xoves, 17 de maio de 2012

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2012

Hoxe é o día das LETRAS GALEGAS dedicado este ano, como xa todos e todas sabedes, a VALENTÍN PAZ ANDRADE.
No BLOG DAS LETRAS GALEGAS tendes información e actividades para coñecelo moito mellor.


Este ano ademais celébrase o 50 aniversario da celebración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS.

SEMENTEIRA DO VENTO

Verde vento polas leiras
e vento azul polo mar,
panos da mesma bandeira.
Quen fora vento, meu mar
e sobre o teu lombo brando
puidera o corpo deitar!
Quen fora o vento poboado
de polen e de cantigas
e malvises namorados!

Dende hai xa unhas semanas no cole estamos traballando a figura deste escritor e poeta. Tamén os máis pequenos aprenderon algunhas cousiñas sobre el. Se queredes ver o ben que o fixeron entrade no seu seu blog TRASNOS

III CORRELINGUA DO MORRAZO

Este pasado luns 14 de maio festexamos a III edición do Correlingua do Morrazo que este ano celebrouse en Moaña.
En representación do cole da Pedra  acudimos os nenos de Infantil de 3 anos, xunto con 2º , 3º e 4º de Primaria.
Saímos da Xunqueira para facer a marcha e percorremos o paseo ata chegar á praza.


Entre tanto os pequenos  estiveron pintando e escoitando contos nos obradoiros. 
Logo puidemos tomar a merenda e degustar queixo e leite fresco. 

Despois de repoñer forzas veu o mellor da festa , o concerto do grupo Pesdelán, co que bailamos e cantamos ó son da música popular  galega, ata aprendemos a facer un aturuxo ! 







Foi moi divertido e resultou unha vez máis, unha experiencia gratificante, a xuntanza de case 1800 rapaces dos diferentes coles do Morrazo, para enxalzar a nosa lingua que é un piar básico da nosa cultura.