Esta semana estivemos de celebración. Hoxe foi o Día das Bibliotecas Escolares e o aniversario do noso benquerido Papirus. Uns días antes enviounos unha tarxeta para convidarnos a súa festa de aniversario, que se celebrou coma sempre, no Bibliocastelo. Na invitación tamén nos contaba que o tema do proxecto deste curso é a RADIO, e que pensaramos un nome para ela, para a radio do noso cole.
Como somos moitos, houbo dous días de festa, un día para os cativos e cativas de infantil, 1º e 2º e outro para a rapazada de 3º, 4º, 5ºe 6º. Papirus tíñanos preparada unha gran sorpresa, o vídeo que gravaron sobre a nosa biblio e que agora está colgado na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia. Quedou chulísimo! Ollade!
Ademais coñecemos a historia de Martiño, o curmán de Papirus. Tamén nos contaron un relato moi interesante sobre o Titanic e o código Morse. Ata aprendemos a reproducir o noso nome neste código.
Logo fomos ver o estudio onde vai estar instalada a nosa radio. Parece unha casiña de madeira! Quedou xenial!
Para rematar cantamos a "Canción de Papirus" e a de "Parabéns". A nosa mascota regalounos un marcapáxinas e unha lambetada.
Unha festa estupenda!