luns, 1 de maio de 2023

II FESTIVAL ARTÍSTICO SOLIDARIO ART OF CHANGE

 Ola amiguiñxs:

Xa me enterei que esta fin de semana estivestes moi ocupados. O pasado sábado celebrouse o II Festival Artístico Solidario Art of Change organizado polo IES Johan Carballeira e no que participaron todos os centros educativos da nosa vila. Segundo me contaron, participastes neste festival vendendo as manualidades que fixestes coa axuda do profesorado e das vosas familias, cun obradoiro de animais mariños de plastilina e cun recanto de xogos tradicionais (cartas, 3 en raia, pelouros... ), todo feito por vós e relacionado co mar.  

Eu dei unha volta pola carpa e quedei abraiado coas cousas tan bonitas que había. Sodes uns artistas!! Saquei algunhas fotos. Ollade!!











Estivestas traballando arreo durante moitos días, facendo manualidades chulísimas (marcapáxinas, imáns para a neveira, maceteiros, chaveiros con nós mariñeiros, peloros, barallas, tres en raia...). Pero tanto esforzo valeu a pena, xa que das vendas de todas estas manualidades recadáronse unha morea de euros que se donaron as ONGs Save the Children e 13 Grados. Estou moi orgulloso de vós!!

Ademais de postos de venda para recadar cartos tamén houbo outras actividades: concertos, representacións teatrais, obradoiros, Performance, lectura de poemas, conferencias, confección dunha alfombra de flores e doutros materiais...


Neste Festival, ademais de participar todos os centros educativos da contorna, tamén participaron diversos organismos, asociacións, entidades e toda a comunidade educativa de Bueu. Moitísimas grazas a todxs, especialmente ao Concello e ás familias pola súa colaboración!
Foi unha xornada festiva, colaborativa e solidaria fantástica da que se fixo eco o xornal Faro de vigo. Premede na seguinte imaxe para ver máis fotos. 

Eu paseino xenial, espero que vós o pasarades tan ben coma min.
Biquiños

Ningún comentario:

Publicar un comentario