venres, 28 de outubro de 2016

PREPARADOS PARA O SAMAÍN !

Xa falta moi pouco para a festa máis terrorífica do ano. Por este motivo o Bibliocastelo está decorado con pantasmas, arañas, morcegos, esqueletos...


Ademais hai un expositor cunha morea de  libros arrepíantes que nos farán pasar momentos inesquecibles.


A que esperas para vir buscar o teu?

RECREOS DE CONTO

Este mércores xa comezou a actividade "Recreos de conto". Nesta ocasión foi Yéneba, unha alumna de 6º e axudante de Papirus a encargada de contarnos unha historia moi fermosa "Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro)", da editorial OQO.




Moitas grazas Yéneba por facernos pasar un "recreo de conto"! 

martes, 25 de outubro de 2016

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES. ANIVERSARIO DE PAPIRUS.

Onte e hoxe tivemos festa no Bibliocastelo. Festexamos o Día das Bibliotecas Escolares e o aniversario da nosa mascota. Este ano Papirus tampouco estivo con nós, pois atópase  de viaxe e para que non o botásemos en falta enviounos un vídeo explicándonos o motivo da súa ausencia. Ollade!


Convídanos a que investiguemos e aprendamos cousas sobre o marabilloso mundo do cine, e que mellor maneira de facelo que  a través dos libros? Por iso marchou a Hollywood na procura de novidades e libros interesantes para que teñamos unha BIBLIOTECA DE PELÍCULA.
Para completar a celebración, entre todos e todas fixemos unha adaptación sobre a historia do cine, algúns e algunhas convertéronse en actores e actrices.




Logo viñeron os agasallos : debuxos, dedicatorias, cartas,... ata houbo unha torta coa que agasallaron a Papirus os nenos e nenas de 2ºA.


Como en todos os aniversarios tamén houbo lambetadas, unha piruleta terrorífica!! 

Para rematar, a música. Cantamos e bailamos a canción de Papirus e desexámoslle Feliz Aniversario. Foi unha festa estupenda! 
Se queres máis información preme na seguinte imaxe.


Pasámolo xenial! Ata tivemos alfombra vermella para desfilar!!

             

Foi unha Festa de CINE! 



xoves, 20 de outubro de 2016

SORPRESA !

Hoxe tivemos unha incrible sorpresa. Por fin recibimos noticias de Papirus. Un funcionario de correos (carteiro) tróuxonos unhas cartas moi orixinais, en forma de claqueta.





O remitente das mesmas é nada máis nin nada menos que o noso amigo Papirus. As cartas, en realidade, son as invitacións para o seu aniversario que se celebrará o vindeiro luns, 24 de outubro, no Bibliocastelo. E como non, estamos todas e todos convidados.
Esperamos velo axiña, temos tantas ganas de estar con el!

luns, 3 de outubro de 2016

POR FIN !

Por fin, hoxe abriu as súas portas o Bibliocastelo! Xa temos a nosa disposición unha morea de libros interesantísimos e moi divertidos cos que pasar momentos inesquecibles.
 


 
Papirus, este ano tampouco está. Onde andará ? Que sorpresas agochará? Esperamos que volva axiña, pois temos moitas ganas de velo.
 
Para que nos sexa doado atopar os libros que desexamos e moi importante mantelos ben colocados no  lugar que lles corresponde  nos andéis. Para facilitarnos esta tarefa, o Equipo de Biblioteca elaborou uns "marcalibros" con carteis de películas. Así cando collamos un libro para ler no recreo , deixaremos no seu lugar o marcalibros, deste xeito saberemos onde colocalo cando queiramos devolvelo.

 
 
Agora temos unha biblioteca de película!
 
Os nenos e nenas de infantil  están de sorte. Agora tamén poden gozar do maravilloso pracer da lectura, na hora do recreo. Os seus mestres e mestras crearon no patio un "RECUNCHO DE CONTOS", que hoxe estrearon. Unha xenial idea!!!
Ollade que ben o pasaron.
 
 
Se queredes viaxar coa imaxinación e vivir grandes aventuras cos nosos amigos os libros, vinde ao Bibliocastelo!!! 
 
 


  

martes, 28 de xuño de 2016

CONTACONTOS ESPECIAL

O último día de cole, o 22 de xuño tivemos unha agradable sorpresa. A profe Esther, que xa está xubilada, veu ao Bibliocastelo a contarlles un conto aos nenos e nenas de 1º e 2º. Pero non  nos contou  un conto calquera, senón un moi especial. Trátase de "El erizo sin espinas", un libro que escribiu e ilustrou o seu fillo Miguel Ángel como un traballo fin de máster. O tema do libro é o "bullying"  e  o protagonista é un ourizo. Os nenos e nenas pasárono xenial e están desexando que a profe Esther volva con máis historias. As ilustracións do libro son fermosísimas ! 





Moitas grazas profe Esther por dedicarnos un anaquiño do teu tempo e xa sabes que sempre eres benvida.
Moitas grazas Miguel por compartir con nós o teu  magnífico traballo. Desexámosche moita sorte e agardamos con impaciencia os teus novos traballos. Esperamos que algún día estén nos andeis do noso Bibliocastelo.  

xoves, 23 de xuño de 2016

MOITAS GRAZAS!

O martes 21 de xuño démoslle uns agasallos ao alumnado de 6º que participou como axudante de Papirus durante este curso. Entregámoslle a cada un, unha camiseta e un diploma que nos enviou a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos xunto coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia por participar no programa de BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS apartado de  "Voluntariado de lectura - A".
Papirus, en agradecemento polo traballo ben feito que levaron a cabo ao longo de todo o curso, agasallounos cun marcapáxinas coa súa caricatura, para que se lembren del.



Foi un pequeno acto no que lles manifestamos o noso agradecemento pola súa colaboración. Desexámoslle a todos eles e elas moita sorte na nova etapa que dentro de pouco van comezar.
MOITAS GRAZAS, RAPACES E RAPAZAS!

martes, 21 de xuño de 2016

FESTIVAL FIN DE CURSO

Onte, os alumnos e alumnas de 6º convidaron ás familias e aos compañeiros e compañeiras de 4º e 5º a un festival de despedida no Centro Social do Mar de Bueu.



Este ano como o tema do proxecto é "Un Universo de libros" argallaron a súa última posta en escena facendo un percorrido polos distintos elementos da Vía Láctea :
* Comezaron cun baile en honor ao noso astro rei, o SOL.


*O seguinte elemento que representaron foi a Terra, para o que o alumnado de 6º recompilou fragmentos de poemas en diversos idiomas (galego, castelán, inglés e francés) alusivos a mesma e recitaron cunha fermosa posta en escena.



* A continuación viñeron as ESTRELAS, representaron o nacementodunha delas cunha canción de Mclan cantada a capela polos nenos e nenas de 6º.


*Seguiron a  viaxe sideral cunha coreografía da guerra das GALAXIAS, acompañada de instrumentación musical.



*Na última actuación todo o alumnado realizou unha montaxe  de expresión corporal na que se relataba a formación do Sistema Solar, co Big-Bang como peche da actuación.



* Para rematar, a entrega de orlas e agasallos. Moita emoción e moitas bágoas como peche de ouro a unha magnífica actuación! Noraboa rapaces e rapazas !



Que un fermoso sol ilumine o novo camiño que emprendedes e unha estrela vos guíe pola senda correcta! Moita sorte! 






luns, 20 de xuño de 2016

FUNCIÓN DE FIN DE CURSO DE 2º

O pasado xoves o alumnado de 2º realizou un festival no Centro Social do Mar de Bueu para despedir o curso, que xa está a piques de rematar.
Invitaron ás familias e aos compañeiros de 1º e 3º. Representaron a obra de teatro "A nubiña Pascual" e bailaron a "Canción dos Planetas" de Enrique e Ana. Despois compartiron con todos nós  un vídeo sobre a excursión que fixeron A Xesteira.







Se queredes ver o vídeo da función, premede na imaxe.


 Estiveron xenial! Parabéns artistas!