venres, 11 de xuño de 2010

MULTICULTURALIDADE EN PRIMEIRA PERSOA

O pasado mércores día 2 gozamos dunha xornada dedicada á multiculturalidade na biblioteca do noso centro. Dita xornada foi organizada e promovida pola Concellería de Benestar Social do Concello de Bueu. Deste xeito, Laura Ogando acompañounos e actuou como voceira da charla presentándonos a Alexander Markus Bleicher, protagonista principal da mesma.
Álex, como lle gusta ser chamado, é un inmigrante alemán afincado na nosa terra, concretamente na cidade de Vigo. Leva vivindo connosco uns seis anos e durante este tempo foi quen de aprender tanto o castelán coma o galego; de feito, fomos testemuña do empeño que puxo en saudarnos empregando o galego, esforzo que agradecemos cun sonoro aplauso.
Álex naceu na rexión bávara de Alemaña, aínda que o seu espírito inquedo levouno a vivir en diferentes lugares da xeografía europea. Nas súas andainas polo mundo fixo amizade cun rapaz de Vigo, e foi este “insignificante” detalle o que derivou nun enorme cambio na vida do alemán. O vigués convidou a Álex a pasar uns días de vacacións na Cidade Olívica, ofrecemento que este aceptou gustosamente.
Xa neste primeiro contacto coa nosa terra, Álex sentiuse fascinado coa paisaxe, xentes e cultura galegas. Levou unha moi grande sorpresa cando comprobou que temos un idioma propio, xa que de igual xeito acontece na súa terra natal: en Baviera tamén contan cunha lingua propia da que se senten moi orgullosos.
Froito desta fascinación foron as numerosas visitas posteriores que o bávaro fixo a Galicia; ata que un día el mesmo formulouse a seguinte cuestión: “Gustaríache vivir en Galicia?”, a resposta non se fixo esperar: “Si, gustaríame.” E así aconteceu, cargou unha furgoneta coa súa roupa, algúns mobles e as súas “cousas” e cruzou parte de Europa para se converter nun galego de adopción.
A través das nosas preguntas, que contestou cunha grande amabilidade, fomos conscientes das diferenzas culturais que existen entre os nosos países: distinto xeito de festexar o Nadal; distinto funcionamento do sistema educativo; distinta forma de concibir a reciclaxe...
Álex gusta moito da nosa terra, agora tamén súa; aínda así, non deixa de sentir morriña pola súa Baviera natal.




Ningún comentario:

Publicar un comentario