martes, 7 de maio de 2019

AN ALFAYA VISITA O BIBLIOCASTELO

Hoxe visitou o Bibliocastelo a escritora An Alfaya para falar cos rapaces e rapazas de 3º e 4º de "Down" da editorial EDEBÉ, xa que foi o libro que estiveron lendo e traballando ao longo do pasado trimestre. Contoulles que o personaxe principal, Guille, está inspirado nun neno con Síndrome de Down que coñeceu xa fai tempo. Coincidía todos os días con el no autobús cando ela ía para o traballo e el para o colexio. Empezaron a falar e crearon unha bonita amizade. A ela parecíanlle moi divertidas as cousas que o rapaz lle contaba e decidiu facer un libro no que el fose un dos protagonistas. 
Encántanlle as margaridas azuis,  porque son difíciles de atopar, son especiais. Por iso quixo poñelas no libro, por marcar esa diferenza, como Down.
Comentou que está traducido a varios idiomas, ata en coreano!


Tamén  falou de cando era cativa, da súa timidez e de como a superou. Custáballe moito falar en público, dáballe moita vergoña. Meteuse nun grupo de teatro, iso axudouna moito. Un día ocurríuselle escribir  unha obra de teatro, presentouna a un concurso e... gañou! A partir de aí, xa non deixou de escribir, foi o seu comezo como escritora.







Adiantonos que a finais do verán ten previsto publicar dous libros, un de poesía e o outro, unha novela para adolescentes. Comentounos que o de poemas ten unha historia moi curiosa, se queredes sabela teredes que mercar o libro, aparece explicada nas súas primeiras páxinas. O título do mesmo é "Soleando"  e todos os poemas están dedicados ao sol. Estamos desexando que se publique para mercalo! Moita sorte cos novos libros!
Para rematar, asinoulle a cada neno e nena o seu libro.








Moitas grazas An por visitar o Bibliocastelo e compartir con todos nós as túas viviencias. Agardamos con impaciencia a publicación dos teus novos libros!





Ningún comentario:

Publicar un comentario