Celebramos o Día das Letras Galegas o mércores 15 de maio. Xuntámonos todos no patio do cole, pouco antes da saída e cantamos o HIMNO GALEGO. Acompañáronnos moitos pais, nais, avós, avoas... Fixémolo xenial grazas a dirección da profe Marta. Ollade!
Ademais ao longo de todo o mes de maio fixemos unha morea de actividades para conmemorar esta data tan importante para todos os galegos e galegas.
* Realizamos un mural colaborativo, no que participou todo o alumnado dende infantil ata sexto de primaria, para honrar ao homenaxeado: ANTÓN FRAGUAS.
A espiral central representa a triple escaleira do MUSEO DO POBO GALEGO, tan importante na vida deste autor. Completamos o mural con fotografías aportadas polo alumnado, que recollen diferentes construcións, oficios, ferramentas, embarcacións, festas, xogos tradicionais... O obxectivo era emular a figura de Fraguas, que dedicou a súa vida a investigación da xente e da cultura galega.
* Como todos os anos levouse a cabo o tradicional concurso QUE SABES DE...? no que os alumnos e alumnas teñen que responder a varias preguntas sobre o homenaxeado. A resposta ás mesmas atópase nos murais que están polos corredores.
* Charla de Francisco Calo Lourido, patrón do Museo do Pobo Galego, un home cun currículum impresionante, que tivo o honor de coñecer personalmente a Antón Fraguas. Del veunos falar, así como da súa profesión de etnólogo e antropólogo, que ambos compartiron. Ademais Francisco é o avó de Xaquín e Mariña, alumnos do noso cole. Se queredes máis información desta interesante charla pinchade na seguinte imaxe.
* CORRELINGUA. Participamos como todos os anos no Correlingua, co lema O GALEGO É A FÓRMULA. Clicade na seguinte imaxe para saber como se desenvolveu esta festa da nosa lingua.
* Visitas de autores galegos: An Alfaya e Antonio García Teijeiro. An veunos falar do seu libro "Down", que estiveron lendo os rapaces e rapazas de terceiro e cuarto. Premede na seguinte imaxe...
García Teijeiro, veunos falar do seu libro "Poemar o mar". Clicade na seguinte imaxe para saber máis desta visita.
* Festival Audiovisual Escolar de Boiro "Olloboi". Participaron nel "Os Trasnos", os nenos e nenas de 5º de Ed. Infantil cunha curtametraxe titulada "O meu aniversario". Quedaron finalistas!! Fixeron un gran traballo! Ollade!
Se queredes saber como foi todo o proceso de elaboración da mesma, ollade o seguinte vídeo.
Este galardón foi o broche final deste mes ateigado de actividades, celebracións e traballo ben feito. Noraboa trasniños e trasniñas, toda a comunidade educativa está moi orgullosa de vós!
Ningún comentario:
Publicar un comentario